Friday 10 de May de 2024

A Coruña convértese esta fin de semana no escenario da XXI Regata “Infanta Elena”


A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, anunciou que a concellería traballa nun proxecto para inculcarlle á cativada o mundo da vela durante o curso escolar

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presentou esta mañá xunto ao presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; o Comodoro do Real Club Náutico de La Coruña, Jorge Echeverría, e o xerente de Responsabilidade Social de Gadisa, Antonio Cortés, a XXI Regata “Infanta Elena”,
clasificatoria para o Campionato de España de Cruceiros. Esta competición, organizada polo Real Club Náutico de La Coruña, é valedoira para o Trofeo Presidente da Xunta, xunto coas que se organizan en Sanxenxo e Baiona, é unha das máis importantes no calendario coruñés, onde en edicións anteriores participaron os mellores cruceiros españois.

A concelleira sinalou que os deportes náuticos son para o goberno de Inés Rey un investimento de cidade, “un compromiso para que a veciñanza da Coruña, e especialmente a xente máis nova, viva de cara ao noso pavillón azul, aquel que nos brinda un océano de oportunidades que están ao alcance da nosa man e da nosa mirada. Temos o deber de volver a cara ao mar, como cidade mariñeira que somos”. Por iso, dixo, a Concellería traballa nun proxecto para inculcarlle á cativada o mundo da vela durante o curso escolar.

Martínez resaltou que proba de que a situación sanitaria empeza a mellorar é que esta fin de semana A Coruña será un referente da vela de alta competición nun evento que se suma á lista dos xa disputados na cidade desde hai unhas semanas.

Durante a presentación do evento deportivo, Martínez lembrou que este verán, nos meses de xullo, agosto e setembro, a Concellería de Deportes pon en marcha por vez primeira o programa “Coruña no mar”, que inclúe cursos semanais e de fin de semana de surf, paddle surf, windsurf, vela, kayak, piragüismo, submarinismo e snorkel, entre outros. O programa, dixo, naceu coa intención de lle achegar os deportes náuticos á cidadanía cunha oferta variada e coa posibilidade dunha continuidade nas propias escolas das entidades colaboradoras.